Radio Xornal Seis do Nadal

sábado, 1 de mayo de 2021

AÍ VEN O MAIO



 Por que no mes de maio é tradicional poñer xestas nas casas e nos coches?


Cando chega o mes de maio a xesta aparece nas portas das casas, carros, leiras, embarcacións, fiestras e actualmente nos coches. É un costume especialmente arraigado nas Rías Baixas e Norte de Portugal inda que se recolle por toda a provincia de Pontevedra e zonas concretas na provincia da Coruña. Din que hai que cortar a galla e poñerlla ao coche antes da medianoite do 1 de maio para protexerse contra o "mal de ollo", para que non poida entrar o maio, nin collan o meigallo.


Segundo Rafael Quintiá, trátase dunha festa que celebra o esplendor da primavera: os días medran e o tempo é máis benigno. É unha celebración asociada á rexeneración da natureza, ligada co ciclo agrario. Críase que había que collelo antes de que saíra o sol e que protexe a bonanza das colleitas. Dicíase tamén que quen non o poñía pasaba o ano amaiado, apampado, molido.


Está ligada, por suposto, aos maios: "Había moitas variantes de maios: maios vivintes, con rapaces e homes que ían contando e pedindo lambonadas polas casas; rapaces ofrecéndolle ramos a outros veciños, hai moitas variedades". 


Na Illa de Ons tiñan outro ritual e é que se durante un tempo non conseguían pescar, acudían de noite ádorna para mallar nela sen parar, e facíano cunhas ramas de xesta, proferindo multitude de insultos para rachar o meigallo   


Tamén Vicente Risco recolleu unha tradición en Entrimo onde os mozos, como mostra de galantería, puñan nas casas das mozas da aldea unha pola de Oliveira á que lle chamaban ramo.


Na zona de Laza, os mozos cortaban unha árbore, a máis grande que podían, e plantábana no medio da praza, adornándoa con faroliños. A esta árbore chamábana maio.


A xesta é tamén a flor dos namorados. Antes, os mozos entregábanllas ás raparigas que pretendían; se esta a aceptaba, daba a entender que tamén o aceptaba como pretendente. E segundo a tradición recollida por Ramón Cabanillas, aquelas mozas casadeiras que peregrinaban á Franqueira que acertaban a anudar unha poliña de xesta dándolle voltas só cun dedo, casaban nun ano


Ligado ao 1 de maio, había outros ritos como os de alumear o pan e que consistía en que na noite previa ao 1 de maio, os vecinos e veciñas percorrían con fachos as leiras para protexer as sementes de calquer mal.


Fontes: Rafael Quintía, Nós Diario e Orgullo galego.


RAPAZADA DO SEIS, ANIMÁDEVOS A CONTINUAR CON ESTA FERMOSA TRADICIÓN!

E PARA REMATAR... POR QUE NON CANTAR E BAILAR COA VERSIÓN DO POEMA DE MANUEL CURROS ENRÍQUEZ “AÍ VEN O MAIO” INTERPRETADA POR UNHA MOREA DE ARTISTAS GALEGOS E GALEGAS?!

🌾🌼🌸🎵


No hay comentarios:

Publicar un comentario