Xa falta pouco para a chegada do mes de maio e con el... a nosa propia celebración na escola en colaboración cos nenos e nenas e as súas familias!
Coma ben sabedes, a festa dos Maios é unha festividade estreitamente relacionada coa agricultura e a celebración do espertar da vida vexetal, do poder rexenerador da natureza que coincide coa chegada da Primavera, do bo tempo, dos días máis longos e co comezo do ano agrícola. É posible que este tipo de celebración naceran co fin de festexar e de dar grazas á natureza pola súa xenerosidade e polo don da fertilidade e, ó mesmo tempo, servir de medio para garantir e propicia-los dons da fecunda Nai Terra.
Ademais de facer o noso propio Maio, cantaremos as coplas, bailaremos ao redor do Maio e aproveitaremos a ocasión para investigar e investigar!
Velaquí o pregón dos nosos pregoeiros e pregoeiras:
Cando
chega a primavera celébrase por toda Galicia a festa dos Maios, para despedir o
inverno e festexar a aparición dos primeiros froitos e flores.
Ese
día fanse Os Maios, que son construcións feitas con ramas, flores, froitos… e cántanse
coplas, golpeando uns paus para marcar o ritmo. Todo maio precisa levar
fiúncho, margaridas, ovos baleiros e laranxas, ademais de todos os elementos
vexetais que lle queiran engadir.
Na
nosa escola celebramos os Maios o día 5 e 6 de maio. Recordade traer as vosas
flores!
Por que no mes de maio é tradicional poñer xestas nas casas e nos coches?
Cando chega o mes de maio a xesta aparece nas portas das casas, carros, leiras, embarcacións, fiestras e actualmente nos coches. É un costume especialmente arraigado nas Rías Baixas e Norte de Portugal inda que se recolle por toda a provincia de Pontevedra e zonas concretas na provincia da Coruña.
Din que hai que cortar a galla e poñerlla ao coche antes da medianoite do 1 de maio para protexerse contra o "mal de ollo", para que non poida entrar o maio, nin collan o meigallo.
Segundo Rafael Quintiá, trátase dunha festa que celebra o esplendor da primavera: os días medran e o tempo é máis benigno. É unha celebración asociada á rexeneración da natureza, ligada co ciclo agrario. Críase que había que collelo antes de que saíra o sol e que protexe a bonanza das colleitas. Dicíase tamén que quen non o poñía pasaba o ano amaiado, apampado, molido.
Está ligada, por suposto, aos maios: "Había moitas variantes de maios: maios vivintes, con rapaces e homes que ían contando e pedindo lambonadas polas casas; rapaces ofrecéndolle ramos a outros veciños, hai moitas variedades".
Na Illa de Ons tiñan outro ritual e é que se durante un tempo non conseguían pescar, acudían de noite ádorna para mallar nela sen parar, e facíano cunhas ramas de xesta, proferindo multitude de insultos para rachar o meigallo
Tamén Vicente Risco recolleu unha tradición en Entrimo onde os mozos, como mostra de galantería, puñan nas casas das mozas da aldea unha pola de Oliveira á que lle chamaban ramo.
Na zona de Laza, os mozos cortaban unha árbore, a máis grande que podían, e plantábana no medio da praza, adornándoa con faroliños. A esta árbore chamábana maio.
A xesta é tamén a flor dos namorados. Antes, os mozos entregábanllas ás raparigas que pretendían; se esta a aceptaba, daba a entender que tamén o aceptaba como pretendente. E segundo a tradición recollida por Ramón Cabanillas, aquelas mozas casadeiras que peregrinaban á Franqueira que acertaban a anudar unha poliña de xesta dándolle voltas só cun dedo, casaban nun ano
Ligado ao 1 de maio, había outros ritos como os de alumear o pan e que consistía en que na noite previa ao 1 de maio, os vecinos e veciñas percorrían con fachos as leiras para protexer as sementes de calquer mal.
No hay comentarios:
Publicar un comentario